Pensar Caranza. A imaxinación como recurso
Centro Cívico de Caranza

Cada veciño/a percorre a diario un traxecto que comeza na súa casa, no seu interior. Atravesa o primeiro limiar da súa porta, casa ou piso, e segue ata chegar á beirarrúa. Nese momento toma conciencia de pisar un espazo público, aberto e continuo, que contrasta co recollido e fragmentado que acaba de deixar. Dende aí comeza a súa andaina cara ás actividades cotiás e no lecer, con tempo para estar no barrio, a súa andaina é doado que se estenda ata o mar, cun perímetro amplo de achega e onde busca outras referencias e mesmo a súa ausencia.

Caranza é un barrio relativamente novo, en constante adaptación entre a xente que o habita e a súa estrutura construída, polo que están moi presentes no imaxinario dos seus veciños e veciñas as posibilidades de mellora. O proxecto Pensar Caranza. A imaxinación como recurso indagou sobre os cambios posibles no percorrido inmediato, ese que de cotío comeza na casa, remata na rúa e no lecer se estende ata o mar.

O traballo comezou coa visualización dun percorrido dende o interior da casa ata o espazo público máis próximo e dende aí ata un punto de interese propio, atravesando unha chea de espazos intermedios e reflexionando sobre eles, sobre todo explicando os problemas que os/as participantes lle gustaría resolver dende a arquitectura.

Creadores: creusecarrasco.com
Coordinación: DARDO


Fotografías: CREUSeCARRASCO e participantes