Cada veciño percorre a diario un traxecto que comeza na súa casa, no seu interior. Atravesa o primeiro umbral da súa porta, casa ou piso, e segue ata chegar á beirarrúa. Nese momento toma conciencia de pisar un espazo público, aberto e continuo, que contrasta co recollido e fragmentado que acaba de deixar. Dende aí comeza a súa andaina cara ás actividades cotiás e no lecer, con tempo para estar no barrio, a súa andaina é doado que se estenda ata o mar, cun perímetro amplo de achega e onde busca outras referencias e mesmo a súa ausencia.

Caranza é un barrio relativamente novo, en constante adaptación entre a xente que o habita e a súa estrutura construída. Polo tanto están moi presentes no imaxinario dos seus veciños, as posibilidades de mellora.

O proxecto Pensar Caranza. A imaxinación como recurso, indaga sobre os cambios posibles no percorrido inmediato, ese que a cotío comeza na casa, remata na rúa e no lecer se estende ata o mar. Non é un proxecto de espazo público en si mesmo pois supón a súa interpretación dende o espazo doméstico propio; nin é un proxecto de espazo doméstico, pois trátase de reflexionar sobre a súa apertura cara a rúa e o mar, este último, lugar sen apenas referencias.

O traballo comeza coa visualización dun percorrido dende o interior da casa ata o espazo público máis próximo, e dende aí ata un punto de mar, atravesando toda unha chea de espazos intermedios e reflexionando sobre eles, sobre todo explicando os problemas que ao participante lle gustaría resolver dende a arquitectura.

Os arquitectos porémonos ao seu servizo, botando unha man para representar eses desexos e mesmo as posibles intervencións que, con poucos medios, poidan levarse a cabo no taller improvisado no Centro Cívico de Caranza.

INSCRICION

CREUSeCARRASCO

Juan Creus (Cee, 1966) e Covadonga Carrasco (Ribadeo,1965) comparten traballo profesional dende 1994 dentro da oficina CREUSeCARRASCO arquitectos. Xuntos editan RESINA (REvista de los Seres sIN Arquitectura) a través da súa web e en formato Caixa de fichas.

En 2016 foron merecedores do Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo BEAU e do Premio Galego de Arquitectura polo seu proxecto de Casa Chao en Corcubión. No mesmo ano o seu traballo de remodelación do porto de Malpica foi seleccionado por Carlos Quintáns e Iñaqui Carnicero para formar parte do pavillón español da Bienal de Venecia e mereceu o Ar+Emerging Architecture Award outorgado por Architectural Review e o RIBA. Entre os seus traballos máis destacados atópanse o edificio da Fundación Luis Seoane de A Coruña (Premio COAG de Rehabilitación 2005) e a súa intervención para a lonxa de Fisterra (Premio Enor de Arquitectura 2007). Juan Creus é ademais membro da sección de arquitectura do Consello da Cultura Galega dende 2007 e Profesor na ETSA e a EICCP de A Coruña. É codirector da revista O monografías do COAG. Covadonga Carrasco foi membro do ARCH de Santiago de Compostela (1997).

creusecarrasco.com