« volver
XIV Bienal de Lalín Pintor Laxeiro
Para a 14ª edición da Bienal de Lalín Pintor Laxeiro o comisario, Álvaro Negro, elixiu como título Menos é máis, máis ou menos en alusión aos dous eixes que vertebran esta edición. Por unha banda trátase dunha referencia á serie + O – de Manuel Moldes, artista ao que se lle rende homenaxe, e por outra banda ironiza sobre a suposta obxectividade científica. O binomio arte-ciencia é o punto de partida do discurso desta bienal e tamén dalgúns dos proxectos desenvolvidos especificamente para ela, inspirados pola figura do astrónomo lalinense Ramón María Aller.
A imaxe gráfica proposta por Dardo nace precisamente dunhas anotacións de astronomía pertencentes ao propio Aller. Con esta idea de medir, de situar, trazamos uns eixes cartesianos cunha inclinación de 14 graos, como chiscadela á edición da bienal que nos ocupa.
O comisario buscaba unha edición especial máis ca un catálogo de exposición ao uso e para iso convidou a cada un dos artistas galegos presentes na bienal a realizar unha pequena peza como acompañamento ao texto curatorial. O resultado é unha caixa-colector con achegas en moi diversos formatos: carteis, despregables, libretiños e postais, que se van solapando sobre o volume principal, un libro espido, co cosido á vista e sen cubertas.







DARDO
Rúa Pérez Costanti, 12
15702 Santiago de Compostela
T. +34 881 018 893
info(at)dardo.gal


