« volver
Lei Eterna. Mery Pais
A artista compostelá Mery Pais aborda no seu traballo unha profunda reflexión sobre as barreiras relixiosas e culturais que nos separan. Lei eterna foi unha acción performativa levada a cabo na compostelá Praza da Quintana, na que se reivindicaba o achegamento entre crenzas, escenificado como un acto relixioso multicultural.
Os participantes apareceron ataviados cunhas fundas negras que os cubrían totalmente, desposuíndoos da súa identidade individual, ata o momento en que todos se descubriron ao unísono, revelando os interiores das vestimentas, forradas con teas coloridas asociadas a distintos credos.
Esta “colección de crisálidas” foi a peza central da exposición Lei eterna, para a que se editou este catálogo. O obxectivo era darlle continuidade editorial ao proxecto performativo e expositivo e deixar un rexistro tanxible da acción efémera.
A artista procuraba incluír dalgún xeito os retallos sobrantes da confección dos traxes na publicación, así que propuxemos “vestir” cada libro cun fragmento desas teas e facer de cada exemplar unha peza de colección única.
O volume iníciase co rexistro documental do proxecto Lei eterna para, a seguir, repasar outros proxectos anteriores da artista que exploran temáticas similares.
Deseño: Dardo (Cristina Moralejo)





DARDO
Rúa Pérez Costanti, 12
15702 Santiago de Compostela
T. +34 881 018 893
info(at)dardo.gal


