«  volver

 

Formas do deseño. Galicia XXI

Cliente: 
Auditorio de Galicia (Concello de Santiago de Compostela) / Fundación DIDAC
Fecha proyecto: 
June, 2019

A exposición Formas do deseño. Galicia XXI, coproducida polo Auditorio de Galicia (Concello de Santiago de Compostela) e a Fundación DIDAC e comisariada por David Barro e Mónica Maneiro, pretende construír un relato desde o presente do potencial creativo de Galicia no ámbito do deseño. A idea é proxectar o que se está a facer sen deixar de poñer un ollo no retrovisor, para revisar o logrado a partir dun punto de vista simbólico. Así, a exposición conta con dúas partes: unha introdución nesas tres décadas de espertar e modernización, desde os primeiros anos setenta aos últimos noventa, cando xorden en Galicia unha serie de profesionais do deseño que empezan a traballar cunha conciencia de ser deseñadores e deseñadoras; e un corpo principal que coincide co cambio de milenio e que supón un cambio xeracional coa incorporación ao mercado laboral dunha xeración de deseñadores e deseñadoras galegas xa formadas en Galicia.
A gráfica da exposición, deseñada por DARDO, representa a diversidade de «formas» da creatividade galega a través dun G orgánico e o uso dunha película holográfica —que cambia de cor en función da incidencia da luz— que ten como fondo unha representación de identidades gráficas realizadas por unha grande variedade de deseñadores e deseñadoras de Galicia. Esta idea trasládase á portada da publicación que acompaña a exposición, na que David Barro analiza os percorridos do deseño en Galicia nos séculos XX e XXI e que recolle, ademais, unha serie de entrevistas realizadas para a ocasión a algúns dos protagonistas actuais do deseño galego.