« volver
ESPACIO Y TIEMPO. LA ESCULTURA EN LA COLECCIÓN ABANCA
O catálogo Espazo e Tempo. A escultura na Colección ABANCA é a primeira recompilación que Afundación - Obra Social ABANCA edita enfocada na escultura. A súa publicación coincidiu coa clausura da exposición homónima na que, a través de 68 pezas da colección, se exploraba a relación entre o espazo, o tempo e a creación artística.
A publicación propón un percorrido cronolóxico polos fondos escultóricos da colección, en diálogo con outras disciplinas artísticas. Isto trasládase á nosa concepción para a portada, que pasa por dar protagonismo á tipografía e compoñer o propio título de xeito escultórico, xogando cos pesos visuais para dar lugar a unha sorte de estrutura en equilibrio. A tipografía posúe ritmo e textura e —ao igual ca escultura— baséase nun xogo de formas e contraformas.
Tratamos de dotar o libro de certa presenza escultórica mediante a composición, pero tamén a través dos acabados. A encadernación cos cantos do cartón vistos, cortados a rentes da tripa, crean o efecto dun bloque sólido e a rugosidade do papel escollido contribúe tamén a unha sensación táctil que remite á fisicidade da escultura.
Na estrutura interior do libro entrelázanse a propia catalogación con varios textos académicos, unha liña temporal, diversas citas de artistas e dous apéndices que revelan procesos de conservación e deseño espacial da exposición que normalmente permanecen invisibles para o espectador.







DARDO
Rúa Pérez Costanti, 12
15702 Santiago de Compostela
T. +34 881 018 893
info(at)dardo.gal


