Kit de autoxestión veciñal 
Centro Xove da Almáciga

A proximidade dun espazo natural das características do monte da Almáciga sempre representa para os/as veciños/as dos barrios próximos unha oportunidade, ben sexa como noutros tempos polo aproveitamento dos recursos naturais que ofrecía ou agora como espazo de lecer. Este espazo de relación veciñal axuda a fortalecer os vínculos e o entendemento entre os membros da comunidade próxima. Con este obxectivo celebráronse unhas xornadas nas que se debateron os usos veciñais dos espazos públicos e participamos no deseño e construción dun kit de autoxestión veciñal para o espazo da Almáciga.

O elemento que xurdiu como fío condutor foi o valado, un elemento que forma parte da nosa paisaxe urbana cun claro significado de pechar e limitar, ao que neste caso lle outorgamos o sentido contrario, un elemento que abre e permite.

Este kit ten capacidade de medrar e adaptarse ás novas necesidades. Os elementos que o constitúen son dous bancos (convertibles en pequeno escenario), uns andeis para almacenaxe ou exposición (convertible en mesa ou banco pequeno) e un muro de intercambio onde se pode escribir, e tamén colgar caixas, bolsas, obxectos (para intercambio de produtos da horta, sementes, ferramentas…), todo sinxelo de montar, desmontar e almacenar.

Creadores: cenlitrosmetrocadrado.com
Coordinación: DARDO

Fotografías: Roi Alonso