O parque da Almáciga, é o resultado da reordenación do noutrora Monte da Almáciga, que tivo lugar a mediados dos anos noventa co obxectivo de dotar aos barrios residenciais próximos dun espazo verde de ocio. Historicamente este espazo sempre estivo asociado ao aproveitamento dos recursos forestais e de pastoreo, principalmente polos veciños da zona de Caramoniña e Pastoriza. Estas eran as zonas habitadas máis próximas ate o forte crecemento urbanístico de mediados do século XX, onde se comeza a construír ladeira arriba do monte, xurdindo sobre o trazado de antigos camiños forestais rúas como a Touro, Arzúa, Betanzos ou Teo.

Aquí tamén se localiza a chamada Batalla da Almáciga, un episodio histórico de grande relevancia para a cidade, onde na primavera de 1469 as tropas Irmandiñas dirixidas por Pedro Osorio sofren o seu primeiro revés da man do exército de Pedro Madruga e Fonseca, que daría como consecuencia o inicio do seu declive.

A proximidade dun espazo natural destas características sempre representa para os veciños dos barrios próximos unha oportunidade, ben sexa como noutros tempos polo aproveitamento dos recursos naturais que ofrecía ou agora como espazo de lecer. De calquera xeito sempre serán espazos de relación veciñais que axudan a fortalecer os vínculos e o entendemento entre os membros da comunidade próxima. Con este obxectivo propoñense unhas xornadas nas que debateremos sobre os usos veciñais dos espazos públicos e participaremos no deseño e construción dun Kit de autoxestión veciñal, un soporte elemental para certas accións comunitarias como reunións asemblearias, merendas veciñais, pequenas actuacións musicais ou teatrais ou actividades deportivas e de ocio.

Cenlitrosmetrocadrado

Cenlitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación composto polos deseñadores Xabier Rilo e Ricardo Tubío, que traballan cunha ampla rede de colaboradores externos en outros eidos tanxenciais á propia actividade do estudio.

Cenlitrosmetrocadrado constitúese coa intención de ofrecer un deseño de clara orientación humanista, que vaia máis alá da simple función práctica e que atenda tamén funcións de carácter emocional e social. Cunha identidade de marcado carácter atlántico, desenvolve proxectos que van desde o gráfico, o deseño de produto e espazos, ata a coordinación de equipos de traballo en ámbitos creativos. Nestes nove anos de traxectoria este estudio galego tivo a oportunidade de desenvolver múltiples proxectos que analizan e reflexionan sobre as diversas circunstancias e problemáticas dos ámbitos profesionais e culturais.

Á marxe das encomendas, cenlitrosmetrocadrado desenvolve proxectos por iniciativa propia dentro dunha liña de investigación interna baixo a denominación I+D+Cen. Estas experiencias están encamiñadas a reflexionar sobre diversos factores como poden ser: usos, códigos formais, contextos, materiais ou técnicas produtivas co fin de propoñer novos conceptos ou revisar os xa existentes.

cenlitrosmetrocadrado